Almuerzo - Coloquio

 

Nota de Prensa da Deputación de Ourense

Baltar analiza no Club Financiero da Coruña a actualidade económica, política e social

 

O presidente da Deputación de Ourense foi convidado a participar neste encontro empresarial, que compartiu co presidente da entidade, Mariano Gómez-Ulla, cos membros da xunta directiva do club e con representantes empresariais da provincia da Coruña

 

Ourense, 8 de marzo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe nun encontro empresarial no Club Financiero Atlántico da Coruña, no que analizou as claves da actualidade económica, política e social nos ámbitos local,  autonómico e nacional. O presidente do goberno provincial foi convidado a participar neste encontro empresarial, que compartiu co presidente da entidade, Mariano Gómez-Ulla, cos membros da xunta directiva do club e con representantes empresariais da provincia da Coruña.

 

O Club Financiero Atlántico, que de xeito periódico convida a representantes da actualidade galega a ofrecer a súa versión sobre a realidade da comunidade autónoma nos ámbitos político e social e económico, contou nesta ocasión coa visión ofrecida polo presidente Baltar, quen expuxo ademais os proxectos que vén desenvolvendo a Deputación de Ourense nos últimos tempos e que teñen significado para o goberno provincial ourensá, como destacou Manuel Baltar, “acadar unha posición de liderado en transparencia, comunicación política, en aprobar os orzamentos antes que ningunha outra administración, en lograr a  “débeda cero” –como vai acontecer en semanas-, en levar a cabo o Plan “Ourense, a provincia termal”, ou mesmo o recente convenio asinado coa Xunta de Galicia para a construción en Ourense do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional”.

 

Baltar destacou diante do empresariado coruñés que todas estas iniciativas “permítenos ser unha administración pioneira e de vangarda, como así o reflicten os plans de mandato de desenvolvemos e esa capacidade que temos de dicirlle á cidadanía antes das eleccións quen vai a presidir a Deputación e cal vai ser o seu programa de goberno”.

 

Encontros como o de hoxe, que suscitan debate e análise das cuestións de actualidade, contribúen a que empresariado coruñés “teña un criterio máis amplo en relación aos gobernos e as administracións públicas que operan en Galicia, neste caso, referido á provincia de Ourense, ademais do protagonismo que neste momento teñen as convocatorias electorais, tanto dos comicios xerais de abril como das locais e europeas do vindeiro mes de maio”, dixo Baltar.

 

 

O Club Financiero Atlántico é unha entidade creada en 1989 e ten como obxectivo ofrecer un innovador espazo para empresarios e profesionais para desenvolver as súas relacións comerciais e persoais por medio do intercambio de ideas e experiencias orientadas á consecución de obxectivos comúns no ámbito empresarial.